Camiñar na vida, a nosa peregrinaxe persoal, necesita ás veces dun espazo físico de facernos conscientes, de presentarnos a nós mesmos a nosa propia existencia, de pararnos, tomar un respiro, e pensar sobre o seguinte paso. Peregrinar é buscar ese espazo, ese tempo, esa dirección, ese lugar, é mirar para o que vai ao lado, é camiñar con outros ollos...
Para os crentes, esta é unha necesidade vital á que Deus nos chama, non podemos "pasar pola vida", non vivimos sós, para nós mesmos; vivimos en comunidade, camiñamos acompañados, ás veces diante, animando aos demais; outras en silencio, aprendendo a escoitar; moitas veces sufrindo ou acompañando aos que sofren ou, simplemente; acompañando coa presenza, "estando aí" ao alcance de calquera que nos necesite, tendendo unha man, indicando unha dirección ou falando das propias experiencias...
A vida da Igrexa ofrécenos un tempo propio para "camiñar", a Coresma, especialmente esquecida nestes tempos en que todo nos envolve, nos abruma, nos arrastra, nos empurra, necesitamos un tempo de reflexión, de silencio, de paz, un tempo de ser peregrinos e peregrinas que buscan e viven ese camiño para chegar a esa meta espiritual, non física, do cambio, da renovación, da fe e da esperanza. Tamén nos ofrece un momento especial, máis persoal, a peregrinaxe, que moitas veces sorprende aos que emprenden camiño, porque peregrinar non é simplemente unha andaina como tantas outras...
Os que vivimos na fe, necesitamos tamén cantala, porque non sempre temos palabras, porque non sabemos como expresar por nós mesmos o que estamos vivindo ou por ser, como comunidade, unha soa voz que chegue máis arriba, ata Deus. Con este fin nace este blog, para que calquera que teña esa necesidade de Deus, a través da Palabra e do canto poida tamén facer peregrinaxe da alma.
Moitos pediran unha orientación con este fin e esta é a nosa pequena aportación para os que necesitaban "rezar dúas veces", en palabras de S.Agustín. Esperamos ter sido de axuda.
PD. Iremos engadindo acordes aos cantos para tocar con guitarra.
Para calquera outra cousa que necesitedes: xanostesaqui@gmail.com
Comentarios
Publicar un comentario